MANIFESTO DAS XSG NO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O 17 de Maio conmemoramos o Día das Letras Galegas. Tódolos anos (dende 1963) é unha data sinalada, e este ano moi especialmente porque honramos a memoria dun dos intelectuais, escritores e políticos máis senlleiros da nosa historia. El foi, e seguirá sendo, un referente inmortal para os defensores da cultura, o idioma e a personalidade diferenciada de Galicia como pobo europeo.

Ramón Piñeiro pertence, por dereito propio, á longa lista de personalidades que máis e mellor representaron e souberon interpretar o particular espírito e anceios dunha terra comprometida cos ideais da paz, a liberdade, a igualdade e a fraternidade. El, coma outras e outros noutros tempos, viviu en carne propia a inxustiza e a incomprensión. Sufriu cadea e loitou, dende dentro, por dignificala memoria e a lingua dos galegos e das galegas, e por facer do noso un espazo democrático e normalizado de convivenza e de progreso.

Á súa inesgotable laboura debémoslle moito do que Galicia é hoxe como país. Un país plural e aberto ó mundo. Un país onde a súa xente posúe clara conciencia de pertenza a unha identidade distinta, pero que maioritariamente renega do conflito identitario. Onde os seus cidadáns aman e protexen a súa lingua a partes iguais, e onde hai que continuar pulando pola súa dignificación e respecto.

Ó carón da famosa mesa de braseiro atopáronse moitos mozos e mozas concienciados, na procura da comunicación, do debate e do pensamento crítico proscrito na época, ós que escoitaba e ós que inculcaba, sen adoutrinamento de ningún tipo, a paixón pola cultura dun pobo esmagado pola aterradora escuridade da longa noite de pedra.

Para as XSG Ramón Piñeiro soubo captar e condensar intelixentemente a sensibilidade e valores dos galegos, e é por iso que facemos nosas as súas verbas: “somos galegos de nación, españois por historia e europeos de cultura”.

O 17 de Maio XSG recordará, de maneira convencida, a figura deste home inesquecible pero tamén o fará tódolos días, e anima á xuventude galega e ós demáis cidadáns a facelo mesmo para que xuntos construamos unha Galicia semellante á que Ramón Piñeiro tiña en mente. Só así honraremos sinceramente a memoria dun grande do noso país. Un grande do que XSG se sinte orgulloso, pois considerámonos humildes continuadores da súa tarefa pola dignificacións dos nosos rasgos diferenciais, pero integradores.

0 comentarios:

Publicar un comentario